
Non lembro á miña avoa enfadada por nada, se cadra triste nalgún momento dos que lle tocou vivir. Sei que pasou a vida a traballar e traballar e traballar, e que aínda hoxe hai case que prendela á cadeira para que non se poña ao pé do fregadeiro disposta a lavar o que sexa. Porque iso si, sempre di o mesmo:-onde vas avoa?-a traballar!Gústame o seu sorriso de 87 anos e lamento, lamento infinitamente, que xa non me poida contar do medo na posguerra, nin da fame daqueles anos, das penurias para sacar adiante as dúas nenas e a familia toda, cando o meu avó se puxo reivindicativo e non puido saír ao mar. Ela traballou e traballou nas frías noites da lonxa, xeando as mans entre o peixe acabado de chegar. Nunca se queixou de nada, segue sen queixarse, aínda que cando nos oe reclamar o que en xustiza nos corresponde inclina a cabeza afirmativamente. No meu ADN mitocondrial levo a súa memoria, que é a miña verdadeira historia, e a de tantos outros e outras. Por iso, pensando nas calamidades que pasou, cultivo a esperanza, practico o optimismo, ensaio un sorriso e continúo sempre, sempre, traballado por todo no que creo.Parabéns neniña. Vai por ti.
No hay comentarios:
Publicar un comentario