Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Cuestión de palabras

22/1/10

Cuestión de palabras

De meus pais aprendín palabras como “bolboreta”, “pailán”, “gaita”, “beirarrúa” ou “xoaniña”. Na escola aprendéronme a dicir outras cousas como “porén”, “salaiar”, “integrais” ou “glicóxeno”. Non me quedou ningún tipo de trauma, nin me convertín nunha persoa con desinterese por outros idiomas e linguas. A única diferenza foi que os mestres lograron facer de min unha persoa bilingüe –cuatrilingüe a medias, se contamos o inglés e o francés–.

Aprendín tamén que a lingua non se manipula, que o que digan os políticos ben pouco me importa e que cando quero falar galego fágoo sen que iso se poida interpretar como unha loita contra o poder establecido.

Seguramente, moitos dos que onte encheron o Obradoiro, ese lugar de recorrente presenza na memoria galega pola cantidade de cousas que alí se reclamaron e defenderon, pensan o mesmo. Non son un atallo de persoas. Son cidadáns aos que o Goberno de Feijóo debería ter moi en conta.

Non se decatarían de que o seu decreto non gusta? Non observaron que a súa teima non ten apoio ningún? Non miraron como Galicia se botaba á rúa na defensa da súa lingua?

E, por certo, como estas letras non se poden entoar, direilles tamén aos que isto len que como persoa das Rías Baixas, canto ao falar. E iso tamén me define como persoa. Igual que a miña lingua.

Noela Rey Méndez
Periodista
22-01-2010 12:03

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas